Monday 13 de May de 2024

A comisión de festas Santa Isabel 2016 organiza un cocido popular para este sábado


Os ramistas das festas de San Sadurniño deste ano continúan co seu labor promocional e de recadación para a causa. Desta vez teñen organizado un cocido popular que se servirá no patio cuberto do CPI este sábado a partir das 14.00h. Repiten fórmula doutros eventos anteriores, combinando gastronomía, actividades para a cativería e música. Os tíckets poden mercarse nos locais e bares do centro urbano ou ben reservalos chamando á comisión ao 606.762.070 ou ao 679.459.016.

A asistencia ao Gran Cocido Popular Pro-comisión de Festas Santa Isabel 2016 custa 20 euros nos que vai incluído o xantar, a bebida (auga ou viño), a sobremesa e o café. Os nenos e nenas menores de 12 anos non terán que pagar e, ademais, a organización tenlles preparados múltiples xogos cos que pasar a tarde.

Porén, ademais do divertimento propio da parola tralo xantar, a comisión tamén propón unha actuación músico-humorística ou humorístico-musical, como se prefira, a cargo do sempre oportuno e nunca suficientemente ponderado dúo “Los fabulosos Cubatas de Fockink Brothers”. Edu Hermida e Pepe Doré versionean temas ben coñecidos dun xeito distinto. Nin os traducen nin os reinterpretan, fanos de novo con letras ocorrentes, críticas, desenfadadas, irreverentes, sorprendentes… e de moita risa.

Os FCFB ofrecerán o seu espectáculo a partir das 18.00h. tamén no patio cuberto do CPI. Por certo, se vén un día de frío que ninguén se preocupe, os mordomos de Santa Isabel 2016 aseguran que terán sistemas para regular a temperatura ambiente.

Para o Gran Cocido Popular de momento hai entradas. Porén, para que a organización teña máis doada a loxística, aconséllase mercar os tíckets ou chamar para reservar antes do venres ou, mellor aínda, non deixar pasar deste xoves.

A cita está organizada pola Asociación Cultural DZ coa colaboración do CPI, do Concello e da Confraría do San Pipote de Bardaos.

TTIP en Naraío o venres
O local social de Naraío acollerá o venres a partir das 20.00h. unha charla sobre o Acordo Trasatlántico para o Comercio e o Investimento. É o coñecido como TTIP que están negociando Europa e mailos Estados Unidos coas miras postas na creación dunha grande área de circulación de mercadorías e servizos libres de aranceis. Un acordo “que se está negociando con certa opacidade”, tal e como sinalan desde O Castelo e que, de saír adiante, terá “repercusións na economía, pero tamén no medio ambiente e nos dereitos laborais”.

Para achegar luz sobre a cuestión, a asociación veciñal convidou á parlamentaria europea Lidia Senra e ao representante do SLG Xosé Ramón Cendán, que introducirán o debate explicando en que consiste o TTIP, cales son as súas liñas mestras e de que maneira nos podería afectar.

Esta charla é a primeira dun programa impulsado pola asociación denominado “Foro da Veiga”, que ofrecerá encontros con persoas expertas en asuntos de actualidade cun obxectivo didáctico. O foro desenvolverase durante o ano con distintos contidos os derradeiros venres de de cada mes.

Presentación dun libro sobre a historia do municipio
Lembramos que este venres ás 20.00h. tamén se presentará na Casa da Cultura de San Sadurniño o libro “Historia de San Sadurniño ata a metade do século XVIII”
A Deputación da Coruña acaba de publicar o volume escrito pola profesora Margarita Sánchez Yáñez onde se recolle boa parte do pasado do noso territorio. Concretamente a etapa desde os primeiros asentamentos ata o século XVIII, repasando de forma contextualizada os principais fitos históricos e datos socioeconómicos. Margarita Sánchez desenvolve un intenso labor no campo académico e da investigación e, ademais, colabora coas súas achegas no proxecto Falamedesansadurnino.org.